O proxecto CromaLux de iluminación intelixente en fachadas e monumentos históricos de Santiago, que forma parte do programa Smartiago do Concello de Santiago, cumpre tres meses de ensaio na Casa do Cabildo cuns primeiros resultados positivos sobre a inhibición da colonización biolóxica, que se suman aos do patio do antigo cárcere, onde outro ensaio das mesmas características comezou fai oito meses.
O obxectivo desta iniciativa pioneira é o desenvolvemento e instalación de solucións de iluminación intelixente en fachadas e monumentos históricos de Santiago de Compostela que axuden a frear e controlar o crecemento das colonias biolóxicas que degradan estas infraestruturas, mellorando a conservación e reducindo a necesidade de complexas intervencións de limpeza e restauración.
“Respecto a a validación da capacidade biostática da iluminación CromaLux sobre os organismos colonizadores en edificios, cumpridos 8 meses de ensaio (xuño 2021-xaneiro 2022) nos muros do patio do antigo cárcere do edificio da Policía Local e 3 meses de ensaio (novembro 2021-xaneiro 2022) na fachada principal de Casa do Cabildo, demostrouse cuantitativamente en ambas as localizacións a inhibición no crecemento dos organismos”, explica Patricia Sanmartín, doutora pola USC e directora científica do proxecto, posto en marcha de forma conxunta por Televés, Ferrovial e a USC.
“Os resultados no primeiro piloto do patio do antigo cárcere resultan máis evidentes, debido ao maior tempo transcorrido, e obsérvase que a capacidade biostática das luces poténciase co tempo, así como á maior presenza inicial de organismos. Graficando os resultados tomados quincenalmente nos últimos meses obsérvase unha tendencia positiva, que marca un crecemento na colonización, ao aplicar a iluminación coa que actualmente son iluminados os monumentos do centro histórico de Santiago, mentres que nas áreas sen iluminación nocturna e con iluminación CromaLux a tendencia é negativa, que marca un decrecemento, o cal é case do dobre coa nova solución de iluminación con respecto a zonas non iluminadas”, explica.
Respecto ao impacto da iluminación CromaLux na biodiversidade circundante, tomando como grupo de estudo as comunidades de insectos, terminado o ensaio que se mantivo durante os meses de calor nos que é posible realizalo (xuño 2021-outubro 2021) e que constou dun total de 15 mostraxes con 3 puntos de toma de mostra cada un, “os resultados obtidos confirman que o impacto tanto na cantidade (número total de insectos) como na diversidade (variedade de ordes e morfoespecies) pode considerarse nulo ao empregar a nova luminaria CromaLux, ao obterse resultados significativamente idénticos a aqueles recolleitos nunha área sen iluminación artificial durante as horas da noite”, engade Patricia Sanmartín.
“Ao comparar CromaLux coa luz actual que ilumina os monumentos do centro histórico obsérvase que o cambio de luminaria reduciría unhas cinco veces, senón máis, ata converterse en nulo, o impacto da luz artificial durante as horas da noite na cantidade de insectos, e que este cambio supoñería un impacto menor sobre a diversidade dalgunhas ordes, especialmente tricópteros, neurópteros e coleópteros”, conclúe.
O proxecto CromaLux márcase como obxectivo principal preservar a condición de Santiago de Compostela como modelo de conservación do patrimonio a través da iluminación ornamental intelixente.
Para iso estase desenvolvendo un sistema de iluminación eficiente e medioambientalmente responsable para o control da colonización biolóxica en elementos de alto valor patrimonial, aproveitando a tecnoloxía LED e o telecontrol da iluminación con capacidade biostática, que é facilmente integrable en edificios con alto valor patrimonial, cun mínimo ou nulo impacto arquitectónico.

