A iniciativa de Europa 2020 “Unión pola innovación” recoñece a importancia da Compra Pública de Innovación e o seu elevado potencial para impulsar a innovación. Neste sentido, a contratación pública de produtos e servizos innovadores é primordial para mellorar a calidade e a eficiencia dos servizos públicos, especialmente nun contexto de restricións orzamentarias. A iniciativa establece que as administracións públicas deben utilizar a contratación pública cofinanciada polos fondos estruturais para aumentar a demanda de produtos e servizos innovadores. A Compra Pública de Innovación (en diante CPI) é por tanto unha actuación de fomento da innovación orientada a potenciar o desenvolvemento de novos mercados innovadores desde o lado da demanda, e que persegue os seguintes obxectivos:
• A mellora dos servizos públicos mediante a incorporación de bens ou servizos innovadores.
• O fomento da innovación empresarial.
• O impulso da internacionalización da innovación empregando o mercado público local como cliente de lanzamento ou referencia.
O Concello de Santiago de Compostela conta coa iniciativa SMARTiAGO, como estratexia para responder os retos de innovación, implicando no proceso a axentes do Sistema de I+D+i local, rexional e nacional. O seu obxectivo principal é a posta en marcha da folla de roteiro formado por un conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das cidades intelixentes, encamiñadas a converter a Santiago de Compostela na primeira iniciativa que busca eficiencia, máxima aplicabilidade e adaptación de I+D ás problemáticas das Cidades Patrimonio no seu conxunto, de maneira que os resultados sexan altamente escalables, eficientes e replicables noutras cidades ou contornos nos que o Patrimonio Histórico sexa un atributo distintivo das mesmas. SMARTiAGO permitirá posicionarse tecnoloxicamente nun campo novo a empresas con gran capacidade tecnolóxica, á Universidade e aos Centros de I+D+i do ecosistema local, todo iso acometendo novos retos en liña co obxectivos FEDER 2014-2020.
O importe total do proxecto ascende a 6.180.000 €, dos que un 80% (4.944.000 €) serán achegados polo Programa Operativo Plurirregional de España ( POPE) 2014-2020 a través do Convenio asinado co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para o Proxecto « SMARTIAGO», e outro 10% (618.000 €) que son financiados pola Axencia Galega de Innovación grazas ao Convenio asinado co propio Concello.
O programa de innovación Smartiago ten por obxectivos:
1. Novo modelo de depósito e tratamento descentralizado da fracción orgánica dos residuos, que posibilite alcanzar os obxectivos marcados pola UE.
2. Nova forma de relación coa cidadanía que premie o comportamento adecuado en canto a depósito de RSU e limpeza viaria, aumentando a corresponsabilidade e a transparencia.
3. Novo modelo de fiscalización da calidade de servizo, especialmente en canto a recollida e limpeza viaria no centro histórico.
4. Racionalización do modelo actual de carga e descarga, para redución de conxestión e emisións.
5. Evolución do control de acceso e estacionamento, para evitar danos en pavimentos históricos e bloqueo de vías de servizo público.
6. Mellorar a eficiencia enerxética, con luminarias sostibles, deseñadas e fabricadas baixo o modelo de economía circular.
7. Poñer en valor o patrimonio a través da iluminación ornamental, reducindo á súa vez os coestes do seu mantemento e conservación.
8. Mellorar a seguridade, utilizando a infraestrutura con elementos de sensórica para análises de presenza, fluxo de persoas e calidade ambiental (ruído, vento). O proxecto Smartiago xa foi premiado polo Colexio de Enxeñería Informática, e nestes momentos é finalista dos premios Procura + Awards, na categoría de 'Compra pública e innovación do ano'; e nos Premios Europeos de Adquisición da Innovación ( EUIPA) 2021, outorgados polo programa Horizon Europe, co apoio do Consello Europeo de Innovación.
